Saturday 04 de May de 2024

Feijóo destaca o esforzo das comunidades galegas para integrar as xeracións máis novas e fai un chamamento para que a galeguidade sexa unha forza importante no mundo que nos toca vivir


Afirma que galeguidade e modernidade non están rifadas, senón que son complementarias e se enriquecen mutuamente

O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou o esforzo das comunidades galegas para integrar as xeracións máis novas nos centros galegos e nas súas directivas e fixo un chamamento para que a galeguidade sexa unha forza importante no mundo que nos toca vivir.

Durante a apertura do undécimo plenario do Consello de Comunidades galegas, Feijóo afirmou que ao igual que nos Consellos precedentes de Montevideo e de Santiago de Compostela, a celebración deste acto no histórico palacio do Centro Galego da Habana, pon de manifesto que a galeguidade está viva e que queremos que o siga estando por moito tempo. E insistiu na idea de que galeguidade e modernidade non están rifadas, senón que son complementarias e se enriquecen mutuamente.

Logo de subliñar que este esforzo debe estenderse tamén á unión entre as entidades galegas que conviven nun mesmo espazo territorial, Feijóo lembrou que mentres que outras comunidades se inclinan por permanecer á marxe das nacións que as reciben, a nosa opta por ser un ingrediente máis. “Os galegos non chegamos para conquistar senón para cooperar, compartir e ser parte integrante das sociedades que nos acollen. Os galegos non estamos simplemente en América; somos América”, aseverou, afirmando que todas as comunidades presentes neste acto souberon manter o arraigo co lugar de onde proceden, sen por iso ser estraños na Habana, Caracas, Montevideo, Bos Aires, Sao Paulo, México ou calquera outro fogar da nosa emigración.

“Galicia nunca tivo un imperio, pero todos os seus fillos levárona consigo aos lugares máis afastados, facéndoa presente e actuante. Hai unhas nacións unidas que se forman a través do vínculo que establecen os galegos, e que se poñen de novo de relevo nesta reunión”, abondou.

Como mostra disto, o presidente da Xunta afirmou que en cada elo da historia cubana está a pegada de Galicia: “Nos muros deste palacio do antigo Centro Galego da Habana, a historia cubana e a galega mestúranse para formar un fermoso encaixe. Se escoitamos con atención, aínda podemos sentir o eco que chega desde 1907, cando se interpreta por primeira vez o Himno Galego, ou as conversas interminables de galegos que recreaban con palabras as paisaxes de Pontedeume, Ribadeo, Lalín, Culleredo ou Ourense”, recordou.

Así mesmo, referiuse tamén á recente mensaxe que pronunciou o pasado mes de marzo o presidente dos Estados Unidos de América, Barack Obama, neste mesmo lugar, poñendo fin a un desencontro estéril e inxusto. Unha mensaxe que, segundo afirmou, é consecuencia dunha cadea de acontecementos nos que tamén os galegos temos moito que ver, referíndose á visita a Cuba de Manuel Fraga e o seu encontro con Fidel Castro.

Feijóo incidiu en que recintos como este palacio no que se reúnen estes días as comunidades galegas, non son unha mostra de ostentación, senón de compromiso, xa que a mesma colonia que patrocinaba en Galicia escolas ou centros recreativos, uníase en Cuba para crear un monumento incomparable que desafía o paso do tempo; “os galegos querían para A Habana un palacio que reflectise a grandeza da cidade e fixera xustiza a esa fermosura”, afirmou.

O titular da Xunta concluíu a súa intervención pedindo á ministra de Xustiza de Cuba que lle traslade ao presidente Raúl Castro a mensaxe de que “cremos en Cuba porque somos galegos”. “A nosa relación vén de lonxe e avanzará tamén moi lonxe”, sentenciou.